5 / MAQUETA 1/50

25.3.17 – 13.5.17

O taller familiar do segundo trimestre do curso de Nenoarquitectura da Fundación Luís Seoane 2016-17 estivo destinado á construción dunha maqueta a escala 1/50 da parcela obxecto do proxecto #EIRÓN.

A área de traballo comprendía a parcela, o tramo de muralla adyadente, a fundación Luís Seoane, a Orde Terceira e unha parte do Hospital Militar. Para o traballo coas familias fixéronse varios grupos de traballo de forma que se proporcionou a cada un os planos co despezamento de cada unha das partes para construír.

Como material de maqueta escolleuse o poliestireno expandido pola súa facilidade de corte e posibilidade de unión tanto con cola branca como con alfinetes. Ademais, co grupo tro-Peza (5 anos de idade) fíxose paralelamente un taller de elaboración de vexetación, persoas e vehículos con cartón para darlle escala humana á maqueta. Para as pezas de lupo de formigón utilizouse PLA a través de impresión 3D en cor vermella, que á escala da maqueta medían 1cm.

Durante toda a mañá estivemos profes, pais e nenos cortando, clasificando, recortando e coloreando conseguindo deixar todas as pezas listas para que ao comezo do terceiro trimestre puidésemos acometer a montaxe da maqueta. Foron de gran axuda os listóns de tablex proporcionados por Betanzos HB para que os cortes fosen perfectamente rectos.

Tras o parón primaveral volvemos á carga coa montaxe da maqueta en dúas sesións. Na primeira delas fixéronse 2 grandes grupos de traballo mesturando aos integrantes de em-Peza e deas-Peza. Na primeira parte da sesión mentres uns dedicábanse á montaxe da maqueta os outros se desprazaban á parcela para facer debuxos ao natural e tras o descanso da merenda intercambiáronse os papeis.

Na última sesión dedicada á montaxe da maqueta e como só quedaban por colocar os últimos detalles (e algún que outro retoque) encargóuselle en exclusiva ao grupo deas-Peza. Houbo que recortar, pegar e ata refacer algunha peza e por fin conseguimos acabar todos os detalles. O resultado final foi espectacular aínda que aínda quedaba por facer a parte máis importante: completala co deseño do proxecto.