11 / EXPOSICIÓN

13.5.2017 – 23.6.2017

Durante a última sesión do proxecto #EIRÓN destinada á construción da maqueta realizouse paralelamente unha dinámica para preparar a zona de exposición permanente do proxecto.

A idea da exposición consistía en converter un espazo da Fundación Luís Seoane no noso propio estudo de arquitectura de forma que fose reflectindo de forma constante o noso traballo no proxecto. Para iso fíxose en primeiro lugar unha clase sobre a historia dos estudos de arquitectura na que puidemos comprobar como a figura do arquitecto tivo distintas consideracións ao longo da historia e como eran os primeiros profesionais que dedicaron a súa actividade laboral exclusivamente ao deseño de novos edificios.

A continuación levou a cabo un proceso de debuxo da zona de traballo e de clasificación de todo o material xerado ata o momento, tras a que se promoveu unha choiva de ideas de propostas da exposición. Este proceso foi levado a cabo polo grupo em-Peza e tras unhas conclusións finais en gran grupo interveuse o espazo para darlle a forma de estudo de arquitectura á vez que a maqueta quedaba terminada.