10 / REFLEXIÓN

17.06.2017

A última sesión do curso 2016-17 do programa Nenoarquitectura da Fundación Luís Seoane dedicada ao proxecto #EIRON consistiu nunha xornada familiar de reflexión e mirada atrás de todo o traballo feito ata o momento.

A forma de levala a cabo foi unha procura do tesouro na que seis grupos tiñan que seguir as diferentes pistas para atopar as 7 pezas do mapa final. En cada pista tiñan que pasar unha proba relacionada con algunha das fases do proxecto como xogar ao pano na praza de Santo Domingo ou facer debuxos dos temas da análise inicial.

Cando os equipos conseguían as 7 pezas do mapa e lograban xuntar correctamente os seus partes aparecían as instrucións da proba final, que non era outra que construír cada unha das letras da palabra #EIRON con pezas de Super Lupo.

Ao final con todas as letras xa construídas só quedaba facer a foto final e recibir os tan merecidos diplomas acreditativos do traballo realizado durante todo o curso e despedirnos ata o inicio do seguinte.